Thursday 02 de May de 2024

Ian Richard Hamilton e Elisa Alfaya inauguran este domingo a edición máis internacional e con máis participación feminina do Festimaxia Lousame


O certame incluirá 2 obradoiros e 4 espectáculos de maxia gratuítos da man de grandes magos e ilusionistas como Mago Teto, Lorena Lavand, Cayetano Lledó, Dani Polo, Elisa Alfaya e Ian Richard Hamilton

A primeiro tenente de alcaldesa de Lousame, Esteban Ares; a concelleira de Deportes, Mariel Agrafojo e o mago Teto presentaron esta mañá a oitava edición do Festimaxia Lousame 2023, que incluirá catro espectáculos e dous obradoiros de maxia que terán lugar na Casa da Cultura nas fins de semana de novembro e decembro. Todas as actividades serán de acceso gratuíto, previa inscrición en bandoticket.com.

Esteban Ares destacou a “enorme acollida que está a ter o Festimaxia en Lousame. A resposta da xente é magnífica, as actividades rexistran un cheo absoluto e as entradas esgótanse en pouco tempo. Todo iso motívanos a seguir traballando polo futuro do Festimaxia, pero tamén ter un padriño como o Mago Teto, sen o cal este festival non sería o mesmo”. Un punto no que incidiu tamén o técnico de Cultura, Eduardo Agraso, para quen “cada unha destas oito edicións do Festimaxia foi un reto para fidelizar a este público e que os veciños sigan enchendo a Casa da Cultura”.

Neste sentido, Agraso indicou que “cada ano buscamos facer actividades diferentes a edicións pasadas e tamén diferenciarnos doutros festivais. Por iso, este ano imos introducir segundos pases nos espectáculos que sexa posible e mesmo no caso de Lorena Lavand teremos ata 12 pases para 10 persoas en cada un”.

Identidade propia

Pola súa banda, o mago Teto salientou que “o bonito é que o festival teña unha identidade propia e ver que se achega novembro e a xente xa está con ilusión e preguntando quen vai vir ao Festimaxia de Lousame”. Neste sentido, destacou que esta oitava edición é especial tanto pola participación de artistas internacionais como pola presenza cada vez maior de magas e ilusionistas á fronte dos espectáculos. Así, repasou o programa deste VII Festimaxia Lousame:

– Domingo 5 de novembro, ás 12:00 horas. Obradoiro de sombras chinescas e globoflexia da man de Elisa Alfaya e Ian Richar Hamilton. Prazas cubertas.
– Domingo 5 de novembro, ás 17:30 e ás 19:00 horas. “Maxia sen trucos”, de Elisa Alfaya e Ian Richard Hamilton. Un espectáculo para o que xa non quedan entradas e que está dirixido a un público familiar. “É un espectáculo de participación moi dinámico, con sombras chinescas sorprendentes e unha maxia de preto que se pode seguir a través dunha gran pantalla de televisión”, sinala o mago Teto.
– Domingo 12 de novembro. “El baúl del mago”, da ilusionista arxentina Lorena Lavand. “Vai ser unha forma de sacar a maxia da Casa da Cultura e levalo a unha caravana desta gran ilusionista, filla doutro ilusionista arxentino de fama mundial como foi René Lavand”, apunta o Mago Teto.
– Sábado 18 de novembro. “Enmaxiarte”, do mago Dani Polo. “É o futuro da maxia galega, cun espectáculo cheo de ritmo e cunha gran posta en escena”, sinala o Mago Teto.
– Sábado 25 de novembro. Obradoiro “As matemáticas no mundo da maxia”, a cargo do Mago Teto; e un segundo obradoiro sobre igualdade por mor da conmemoración do Día Contra a Violencia de Xénero. A maiores, inauguración da exposición: “No mundo das matemáxicas”.
– Domingo 3 de decembro. Espectáculo de Nadal da man do mago Cayetano Lledó. “Un espectáculo para que saquemos ese neno que levamos dentro antes do Nadal coa presenza de Santa Claus, Rudolph… moi moi recomendable”, apunta o Mago Teto.

Finalmente, outra das sorpresas deste VII Festimaxia Lousame será a figura do “Mago becario”, de quen a organización preferiu non adiantar nada sobre cal será a súa función neste festival. A oitava edición do Festimaxia Lousame está organizado polo Concello de Lousame, en colaboración coa Deputación da Coruña. A entrada é de balde, se ben haberá que anotarse previamente en bandoticket.com.